mardi 2 septembre 2014

MARTES 12 DE AGOSTO: COMEZA A VIAXE

Chegou o día! Ao saír da casa, un pouquiño antes das oito da mañá, a chuvia xa ten o chan completamente mollado entón aínda non sabiamos que a auga ía ser a nosa compañeira non grata durante case toda a semana…. Chegamos o hotel e saúdamonos con enérxicos “Bos días!”, risas emocionadas e si, tamén cuns cantos bocexos.

Foto da Irmandade 2014, a piques de comezar a viaxe. Foto: Jorge López Rguez

Logo dun café rápido a cargo do Alfonso IX, facemos a foto de familia e subimos ao bus “Ola, Mourín!!!”, “eu atrás, coa juventú!!”, ri Carlos, que este ano non se quixo perder a viaxe. Esa mañá, a maioría aínda temos conexión a internet no móbil, polo que aproveitamos as redes sociais para anunciarlles a todos que xa estamos rumbo á Bretaña e, logo dunha sesta e varias paradas técnicas, arredor das dúas da tarde chegamos un ano máis ao Paraíso, en Cabezón de la Sal, para comer.
Co bandullo xa cheo,  volvemos subir ao autobús. “Nenaaa, ai neniiiiña! Ponme aí unha peli, oh!”, insiste o noso proveedor oficial de porco celta. A pouco máis dunha hora de entrar en País Vasco, a película escollida cae de caixón: 8 Apellidos Vascos entretennos durante as dúas horas seguintes. “E gustouche logo, Carlos?”, preguntan algúns, “Moito, moito, éche moi bonita”, di sinceramente quedara durmido na metade da película e espertara para ver o final!. E chegamos entón á ultima parada en territorio español: aproveitamos para visitar ao señor Roca, mercamos algo para a merenda e estiramos as pernas.
Xa de volta na estrada, Elvira advirte: “apagade os datos do móbil, que imos entrar xa en Francia!”. Para non faltar ás boas costumes, vólvesenos facer tarde para cear no hotel, polo que buscamos unha das nosas moi socorridas áreas de servizo. Alguén se lembra da de hai dous anos? Pois esta era aínda máis curiosa: tratábase dunha gasolineira totalmente abandonada. “Pero Jorge, se aquí non hai nin onde sentarse!”, dicimos, “Espérate, espérate, que aló adiante hai un chiringuito”.

Carlos e dúas das irmás Rodríguez. Foto: Jorge López Rguez

O que ocorreu a continuación foi unha das situacións máis surrealistas e simpáticas que viviu esta cronista: o noso Jorge, coa súa habilidade innata para comunicarse sen necesidade de linguaxe, conseguiu non só que os donos do susodito chiringuito nos deixasen as súas mesas para cear os xamóns e chourizos de porco celta que nos trouxo Carlos, senón que tamén nos invitasen a un soufflé e a ponche caseiro. Iso si, que non se diga que os galegos non somos ben agradecidos: os franceses fartáronse a xamón e viño made in Galicia.

Primeira cea no camiño. Foto: Jorge López Rguez

Despedímonos deles e poñemos rumbo ao hotel, ao que conseguimos chegar logo dun cambio de sentido que só súperMourín é quen de facer. Repártense as habitacións e despedímonos ata o día seguinte. Aínda que pasamos o día sentados, o esgotamento está aí, e a maioría non tardamos en caer rendidos: mañá é o gran día do (re)encontro, e hai que ter as pilas ben cargadas!

Bonne nuit!

1 commentaire:

  1. EU teño que facer unha corrección. Sintoo. NOn foi Jorge quen falou cos do chiringuito. Foi Mourin. ;-)

    RépondreSupprimer