mercredi 3 septembre 2014

MÉRCORES 13 DE AGOSTO: (RE)ENCONTRO

Un novo día comeza nalgún punto perdido do sur de Francia. Trala tronada monumental da noite anterior, o día de hoxe amence despexado, aínda que con temperaturas non-moi-boas.
Cara as oito e media, subimos novamente ao bus con dirección Cognac. Ao chegar á cidade, paseamos pola beira do río e damos unha volta pola zona antiga ata chegar ás bodegas Martell, unha das bodegas máis antigas de Francia, onde nos atende unha guía que a todos nos deixa encantados coas súas explicacións e simpatía. As bodegas son bastante impresionantes, hai salas e salas cheas de barrís e unha exposición enorme —se ata tiñan un barco a tamaño natural!—.  Tras unha cata do produto, na que Claudio lle fai a algúns unha mostra de cómo bebelo —“No notáis el sabor afrutado del coñac?”, “eu o que noto é que me abrasa a gorxa…”—, saímos da destilaría e comezamos a buscar o restaurante no que imos comer, que xa son horas!.

Un grupiño en Cognac. Foto: Alba Villaumbrales

A comida de Le Coq d’Or resulta estar riquísima e saímos encantados de Cognac, se ata o sol se decidiu a saír para subir un pouco as temperaturas! A sestiña no bus despois de comer é case obrigatoria, polo que a hora seguinte se pasa bastante rápido, pero non pasa moito tempo ata que… “Nenaaa, ai neniiiiña! Ponme aí unha peli, oh!”, volve pedir Carlos, “pero Carlos, se onte quedaches durmido nada máis poñercha”, rimos, “ponma oh, que a de onte gustoume moito”. A escollida desta volta é a eterna Merlín (dura 3 horas!), que causa opinións opostas: á maioría dos que a ven, gústalles —“pois estívoche ben a película”, di Guille, “Moi ben, moi ben, ben bonita”, asegura Carlos—; mentres que aos que querían durmir se lles fixo inacabable —“pero isto cando acaba? Vai tan alto que non me deixa durmir!”, din outros—.

Nas Bodegas Martell. Foto: Jorge López Rguez

E é que este foi un dos principais problemas da viaxe: os que querían ver as películas, pedían que se lles subise o volume, mentres que os que intentaban durmir se queixaban porque a tele estaba moi alta. Entre iso, e o conflicto co aire acondicionado —“Mourín, báixanolo un pouco, por fa, que imos coller unha pulmonía!”, “déixao, déixao, que non se para ca calor”—, pouco faltou para unha crise dentro da Irmandade. Menos mal que todos eramos xente pacífica!

Comida en Le Coq d'Or, Cognac. Foto: Jorge López Rguez

Cara media tarde facemos unha nova parada técnica para coller algo de merendar —“ai, Jorge, que fame teño, que ganas dun xeado...”, digo eu. “E xa estaremos chegando, ou?”, preguntamos. Mourín asinte pensativo, “si, quedarán tres horiñas máis ou menos…”. Toca armarse de paciencia e buscar algunha forma de entreterse: algúns xogamos a algunha cousa, outros sacan un libro ou déitanse a durmir un anaquiño. Xa a piques de chegar ao noso destino, Jorge colle o micro e comeza a facer bromas para pasar o rato —“a ver, esas rapazas do fondo, que acabo de chamar a Phillipe e dime que está o Coq xa farto de esperar!”.
Finalmente, chegamos a Mûr sobre as dez da noite, con algo máis dunha hora de retraso —“pobres gabachos! Han de estar esfameados!”, rimos—. Dende a porta do local da asociación saúdannos todos cun sorriso, os que xa coñecemos, e os que coñeceremos este ano. Saímos emocionados e abrazámonos aos amigos franceses —“bonjour!!”, “Ça va??”, “Chegamos por fin!!”—.

Todo pasa bastante rápido dende ese momento: os discursos de benvida, o reparto das familias, os pinchos e a copa da irmandade… Antes de que nos dea tempo a decatarnos xa nos estamos metendo na cama, rendidos logo de tódalas emocións vividas ese día.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire