jeudi 4 septembre 2014

XOVES 14 DE AGOSTO: COMEZA O JUMELAGE

Para empezar ben a semana de irmandade, é case obrigatorio un bo madrugón, deses que te deixan grogui durante o día, e desta volta non podía ser doutro xeito: ás sete da mañá xa estamos almorzando, cada quen coa súa familia, para poder poñer rumbo a Quimper antes das oito. Primeiro, dividímonos en dous autobuses: os maiores vanse con Mourín a visitar unha destilaría de wisky e os máis novos imos co chófer bretón a ver unha fábrica de galletas (con degustación incluída, por suposto!).

En Point du Raz. Foto: Alba Villaumbrales

Cando nos volvemos xuntar todos, sobre as doce da mañá en Plonéour Lanvern para comer, chove un pouco, así que temos que esperar a que escampe para poder despregar o picnic. A maioría buscamos algún banquiño ou muro no que poder sentarnos, pero é de obrigada mención xente como Phillipe, ou a familia de Luís e Maca —despois de tantos anos de irmandade, creo que a eles o de “familia” lles vai ao dedo—, que despregan todo o arsenal: neveiras enormes, platos e cubertos… ¡e ata mesas e banquiños! Comemos rapidiño e de seguido nos volvemos subir ao bus porque, en palabras de Margot “somos algo retrasados” —ai, que mina de anécdotas dan as confusións entre o “ser” e o “estar”!—. A primeira parada da tarde é ao Museo da Pesca de Guilvinec, no que nos falan dos principais métodos de pesca da zona, que son bastante similares aos nosos. Mentres un grupo fai a visita ao museo, o resto damos un paseo polo porto e facemos algunhas fotos e, cara as seis da tarde, desprazámonos ata Pointe du Raz, a Fisterra bretoa.
No camiño, falamos con algúns dos bretóns máis novos: facemos novos amigos e retomamos o trato cos dos anos anteriores. Nunha mestura entre o francés, o inglés e o español, Virginie explícanos que esta noite os bombeiros de Mûr organizan unha festa benéfica, e que lle gustaría moito que fósemos con ela. Que ganas!
Baixamos do bus e Elisse tennos unha sorpresa: ¡unha caixa chea de paquetes con galletas da fábrica que visitáramos á mañá! ¡Temos merenda! (pero só os máis novos) —“¿queres unha, Jorge?”, pregunto, “pois dame unha logo…”, acepta de boa gana—.
“A las siete y media todos aquí”, berra Phillipe antes de que marchemos a facer a ruta polo faro. É un sitio espectacular, diso non hai dúbida, e o tempo axúdanos moito: pese a que vai aire, non hai nada de néboa que nos poida negar as vistas. O aparcadoiro está a case un kilómetro da zona de paseo, co fin de non romper co encanto da punta, polo que aínda temos que dar un bo paseo ata chegar á ruta. Comezamos o recorrido polo lado esquerdo da península, parándonos de cando en vez para facer algunha foto ou admirar a paisaxe e, xa chegando ao extremo máis próximo ao faro, sorpréndenos unha enorme estatua da Nosa Señora dos Náufragos cun neno en brazos e un náufrago erguendo os brazos cara ela. Quedámonos un rato divagando sobre a súa posible simboloxía e, de tanto andar enredando, fáisenos tarde e para cando chegamos ao bus xa están todos agardando para marchar: “Vamos, vaaaamos!”, apúranos Phillipe.

Notre Dame Des Naufragés. Foto: Lucía Rguez Campo

Logo da cea en familia, algúns finalmente animámonos e imos á festas dos pompiers. Falamos un pouco cos amigos franceses, bailamos, rimos… e así se nos pasa a noite. Cando nos queremos dar conta, xa son as tres da mañá —o equivalente ás seis ou sete da mañá aquí—, e é hora de retirarse: aínda que mañá imos poder durmir ata un pouco máis tarde, convén que cheguemos descansados, ¡que toca camiñata! 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire