mercredi 6 août 2014

Presentación ante a prensa da viaxe #Guerlédan2014

Onte á mañá, os membros da cúpula directiva desprazáronse ata os xardíns anexos á Deputación de Lugo para a presentación ante a prensa do programa previsto para a 16ª edición da irmandade con Guerlédan-Sarria.

A rolda de prensa foi presentada por Sonsoles López, deputada da provincia así como membro da Irmandade, e nela participaron Francisco Pérez, representante do Concello de Sarria, e Elvira Vila, presidenta da asociación en Sarria.

Durante a súa intervención, a presidenta suliñou que este ano a franxa de idade das persoas que participan na viaxe é moi ampla: dende rapazas de secundaria ata xubilados. Ademais, contan con xente dos principais sectores da nosa comarca: gandeiros, agricultores e membros do sector servizos.
No que respecta ao programa deste ano, proposto pola directiva de Mûr, quixo destacar a variedade das actividades propostas, o que fai apetecible a excursión para calquera. Viaxes a vilas costeiras, camiñatas, visitas ás industrias da zona, comidas en familia, fest-noz…
Vila agradeceu tamén as axudas que recibe a asociación por varias vías (desta volta, principalmente da Deputación), e que fan posible que a viaxe sexa moito máis accesible para todos: dos case 500 euros que custa a viaxe, o viaxeiro non paga máis de 250.

Cabe salientar tamén que tanto a deputada socialista como o concelleiro popular coincidiron en gabar á asociación por ser quen de estar máis aló de calquera ideoloxía política, o que garantiu a súa supervivencia durante estes 16 anos. De feito, membros das tres principais forzas políticas participarán este ano na viaxe.

O grupo deste ano, formado por cincuenta sarriaos, poñerá rumbo á Bretaña o próximo martes 12 de agosto.





Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire