vendredi 26 juillet 2013

SÁBADO TRECE DE XULLO: fortalecendo a irmandade entre bailes, sol e chuvia

¡Que gustazo erguerse ás nove! Comparado coa madruga do día anterior, síntese coma se fosen as dúas da tarde. Co corpo xa descansado, poñémonos en marcha un día máis para retomar o programa. O de hoxe, moito máis relaxado. Ás dez temos a recepción no Concello, afortunadamente moi, moi breve —tanto que cando eu chego, logo de deixar a punto uns detalles na Casa da Cultura para a conferencia que terá lugar despois, xa están rematando—.
As conferencias son moi interesantes e importantes para a continuación da irmandade, iso ninguén o pon en dúbida, e non deixamos de agradecérllelas tanto ás persoas que as propoñen como aos que veñen de poñentes; pero os máis novos temos outros… intereses. É por iso que mentres os grandes se van á conferencia sobre os dereitos dos cidadáns europeos, os máis novos reunímonos nas piscinas municipais para unha mañá de auga e sol.
Un grupiño das máis novas, antes de marchar a O Incio. Foto: Lucía Rodríguez
Chegamos ao Chanto e… ¡merde! ¡Non abren ata as doce! Non tardamos en atopar un entretemento para matar o tempo: Sandra trae unha pelota inchable no coche e axiña nos organizarnos para xogar un rato. Pronto se unen máis e máis amigos da irmandade —galegos e franceses—, e poñémonos a xogar todos en corro. Pero… ¡oh, non!: a pelota quédase enganchada entre as árbores. Botellas, pedras, ramas e ata zapatos voan polos aires para tratar de sacala. Todo inútil.
Achegámonos ata o pavillón para pedir unha vasoira e, cando estamos regresando, cruzámonos con Margot, que vai arrastrando un garabullo ENORME con xesto decidido. Evidentemente, pouco ou nada ten que facer a vasoira ao lado diso, así que logo de devolvela, voltamos cos demais, que están quitando as ramiñas máis pequenas para deixar libre a rama máis longa. Lucía carga sobre os ombros a Laura, que colle o “invento” e intenta acertarlle á pelota. Nin por esas. Farta do conto, Mathilde sóbese á arbore e abanéaa ata que, agora si —¡por fin!—, a bendita pelota cae. Uns cantos aplausos e vítores, e a xogar de novo.

Naquel momento, cando nos atopabamos todos xuntos, xogando —ou facendo piña para facernos coa pelota— foi cando sentín que iso de “irmandade” era un nome realmente apropiado para a nosa asociación. Esquecendo calquera barreira que a linguaxe nos puidese poñer, decidimos falar nun dos idiomas universais —que non o único—: o idioma dos xogos, da diversión, das risas. Verdadeiramente, nese intre sentinos a todos como amigos, como grandes amigos, deses que levan contigo toda a vida. Cáseque 15 anos…
No interior da igrexa de Hospital. Foto: Lucía Rodríguez
Chegan as 12, e ábrennos a piscina. “¡Hora lles era!”, din algúns, "¡¡¡OUIIII!!!", berra Thibaut. Despois duns cantos chapuzóns, seguidos dunhas partidas de cartas e unhas sestiñas —e a frustración de Virginie, que perdeu a camiseta—, volvemos á casa para a comida en familia.
Cara ás catro e media, poñemos rumbo a O Incio. A primeira parada é un castro, no que o sol pega moi forte e as cremas solares non tardan en facer acto de presenza. Despois toca parada na igrexa de Hospital. Ámbalas dúas visitas con guía incluída e con Beti unha vez máis como tradutora. A visita xa está chegando á súa fin cando estala a tormenta que se viñera anunciando boa parte da tarde. Caen chuzos de punta e a gran pregunta é “¿onde se meteu Mourín?”.
Justine, Lucía e Virginie divertíndose en Goo. Foto: Lucía Rodríguez
 Non é que nos deixase colgados, é que tivo que ir bastante lonxe para facer un cambio de sentido —as estradas aí non son moi anchas que digamos…—. Para cando chega, xa chove a conciencia e ninguén se resiste a botar unha carreiriña ata o bus. A seguinte visita é ao Concello de O Incio, no que a alcaldesa nos dedica unhas cantas palabras.
Despois, facemos tempo ata a hora marchar a Goo, onde nos agarda Carlos, que se encargou este ano de organizar as festas da aldea. Algúns aproveitan para tomar algo ou ir ao baño, outros reunímonos para comezar a facer a compilación dos hits galegos e franceses que soarán na cea de gala.
Familia ao completo: Uxía, Olalla, Manuel, Iria e Teresa nun
descanso entre baile e baile, en Goo. Foto: Elvira Vila
E chegamos a Goo, onde está a piques de comezar a festa. Carlos saúdanos a todos cun sorriso, e paséase entre a xente exercendo felizmente de relacións públicas. Tras unha espera que a algúns se nos fai larguísima —“¡é que non merendei, Jorge, non merendei!” “bueno muller, bueno, xa pouco faltará. Mira, mira: a Ana Pontón que ben canta”, intenta distraerme sinalando á parlamentaria e membro do grupo Dirindainas, que ensaia no escenario comeza a aparecer a comida. Esta é unha festa do porco celta e, eeeevidentemente, o porco é o protagonista: empanada de lacón, paté, chourizos, bistés e, de postre… galletas con queixo. Pero ¡vaia galletas! ¡Con forma de silueta de porquiño! A temática está coidada ao detalle, dende logo.
Xa co estómago cheíño, comeza a soar música. Empeza o grupo dos franceses, Dianav, representado por Philippe e Margot, que nos achega á música bretona. Os ritmillos xa nos soan do ano pasado, e non tardamos en saltar á pista de baile, seguindo a Justine e a Elise. Corros, bailes por parellas e maimiños entrelazados son os protagonistas nesta primeira rolda. “Este es más difícil”, explica Justine, como querendo dicir amablemente “nin o intentedes, éche moito para vós”. ¡Ja!, pensamos Lucía e máis eu. Se non se intenta, non se aprende. Tardamos moito, pero ao final xa somos capaces de seguirlles o ritmo aos máis entendidos. “Bien, bien, un poco de práctica y perfecto”, sorrí a francesa.
Galegos e franceses bailando durante a actuación de Dianav, en Goo. No escenario, Margot e Philippe. Foto: Elvira Vila
Despois tócalle a quenda a un grupo de Sarria: Dirindainas. As catro voces cántannos algunhas das cancións tradicionais galegas e a xente axiña retoma o baile. Chamádeme mal pensada, pero eu diría que os galegos tiñamos ganas de demostrarlles aos francesitos que “¡Ei! ¡Nos tamén nos sabemos mover!”. Dun xeito ou doutro, non tardamos en volver brincar, desta vez ao ritmo de muiñeiras.
Para pechar a noite, aparece un grupo made in O Incio: Arandela. A xente segue animada, así que a troula continúa ata ben entrada a madrugada. Máis non para todos. Os franceses téñenche outros horarios, e cara ás dúas e media xa lles custa manterse en pé, así que non tardamos en recollernos.

O día foi máis relaxado e —penso eu— máis divertido, permitiu moitísima máis interacción entre ámbolos pobos e facilitou a irmandade. Os xogos, a piscina, os bailes para pechar a noite… ¡Foi xenial! ¿E mañá? ¿¿¿Que toca mañá???

María Melle Goyanes

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire