samedi 27 juillet 2013

DOMINGO CATORCE DE XULLO: isto xa se acaba... outra vez

Brilla o sol, fai calorciño, e comeza un novo día de irmandade. Aínda que algúns comézano mellor ca outros… Deixémolo en que o día anterior houbo un fallo de comunicacións e algúns de nós nos erguemos algo cedo de máis, polo que chegamos media hora antes ao lugar de partida. Pero nada de malos humores, eh, eu son das que digo que empezar co pé esquerdo acostuma ser bo, porque así as cousas tenderán a ir a mellor.
Así pois, logo de discutir con Jorge —“dixéchesme ás 9:30, Jorge…” “Non, non, entendiches mal: ó final quedamos ás 10”— e tras escoitar as explicacións da guía de hoxe, Silvia, poñémonos en marcha. Destino: Navia de Suarna, no corazón dos Ancares.
Escoitando a explicación sobre o castelo de Navia. Foto: Elvira Vila
A primeira parada é a fábrica de Embutidos Navia de Suarna, especializados en androllas, na que nos explican o proceso de embutido e curación dos seus produtos, os cales despois podemos degustar. As seguintes paradas son a ponte medieval e o castelo do pobo, parcialmente destruído durante as Revoltas dos Irmandiños, explica a guía, e que pasou dende entón por distintas mans —de aí o seu aspecto un tanto variopinto—.
Chega a hora da comida, e hoxe toca picnic. O lugar escollido non deixa indiferente a ninguén: a praia fluvial de Navia. Xuntámonos en grupos, buscamos unha sombra, abrimos as neveriñas e ¡bon appetit! Logo da comida, moitos decantámonos por botar unha sesta ata a hora de marchar, pero tamén hai uns cantos que se animan a ir mollar os pés ao río. E mentres estamos tirados na herba, cos ollos pechados, medio durmidos, escoitamos de fondo as risas dos máis pequenos, xogando na auga. Mmm… que agradable…
Picnic na praia fluvial de Navia. Foto: Elvira Vila
Porén, o tempo está calculado ao segundo, así que non tardamos en poñernos de novo en pé. Seguinte parada, Piornedo. Subimos aos autobuses e non levamos máis de quince minutos de viaxe cando vemos que a xente comeza a saír rapidamente do bus que vai diante, agobiados. ¡Resulta que levaban a calefacción acendida! ¡Vaia apuro! Cando chegamos a Piornedo, poñémonos a preguntar sobre o acontecido: seica un dos buses botaba aire quente en lugar de frío, e o outro non tiña aire acondicionado. ¡Parecía que só nos salvaramos os do último bus!
Logo de tomarse unhas augas frías e descansar un anaco á sombra, parece que xa se encontran todos coas forzas suficientes para visitar as pallozas, que neste pobo se atopan en moi bo estado de conservación. Visitamos unha Palloza-Museo, que recrea como era a vida nestas vivendas.
E aquí vén a anécdota do día —ou unha delas—: “Vaia… e pensar que os nosos antepasados vivían aquí”, comenta alguén, “Si… bueno… eu vivín aquí ata os oito anos”, di a nosa guía, unha muller de non máis de corenta anos. Se vos estades rindo, non o fagades, diso nada: ¡poderíanos ter pasado a calquera!
Jorge botándose unha boa sesta. Aínda que a cama
non parece moi cómoda... Foto: Sandra L. Pereiro
Para rematar o día, estaba preparada unha camiñata ata a igrexa de Donís, pero os tronos fannos recuar, e finalmente poñemos rumbo a Sarria. Xa estamos todos tranquiliños, nos nosos asentos, escoitando música, falando, rindo, cando… chof, chof, chof… o bus párase. No medio da nada. Rodeados de montañas. E vemos como os outros dous buses, que ían diante, se afastan. Ja ja ja. “Bueno… ¿quen baixa a empuxar?”, rin. O conductor forza —moito— o motor e da parte de atrás comeza a saír fume negro. Oh-oh… pero ¡arranca! Meeeenos mal. Seguimos o camiño ata que… chof, chof, chof… o bus volve parar. Agora as risas xa son máis escasas. As paradas inesperadas ao final serán seis e a mellor, sen dúbida, é a última: quince minutos parados, no medio da autovía, vendo como nos adiantan uns cantos coches. Xa estamos pensando que desta vez o bus decidiu que “ata aquí” cando, unha vez máis, se volve poñer en marcha. ¿Quen dixera que o noso bus zafara da mala sorte…?
Chegamos a Sarria pensando “¡Ai, Mourín! ¡Canto te botamos en falta!”.

No meu caso, para esta noite Justine e máis eu temos planeada unha cea no Malecón con Virginie, Lucía, Sandra, Laura e Ludivine. Pasamos a noite de conto na terraza e cada pouco vemos aparecer algún grupiño da irmandade, que se para a charlar con nós: Margot, Mathilde, Manolo, Philippe, Louisse… son moitos os que queren aproveitar a última noite libre en Sarria.
¡Pizzas a tutiplén para rematar o día! Foto: María Melle
Rematamos a noite falando, rindo, comparando as sociedades e os costumes duns cas dos outros —¡realmente impresiónanme as nosas diferenzas de horarios!—. Estase tan ben, con boa temperatura, relaxados, tomando algo tranquilamente… E entón doume conta. ¡Volveunos pasar! ¡Outro ano o mesmo! Cando te empezas a sentir máis cómodo con eles, ¡xa están a piques de marchar! ¡C’est pas possible!

Pero… ao mellor é ese o segredo da supervivencia da irmandade: deixarte con ganas de máis, para que repitas para o ano seguinte. ¡Comigo dende logo estalles funcionando de marabilla!

María Melle Goyanes

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire