dimanche 28 juillet 2013

LUNS QUINCE DE XULLO: Galicia é un mundo

Día novo, viaxe nova. A mañá de hoxe xirará arredor de Lugo. A primeira hora, unha deputada danos a benvida e anímanos a seguir mantendo a irmandade. Despois diso, Beti ponse en “modo guía” para pasar a estar á fronte da excusión, e lévanos de  percorrido polo Museo Provincial. Temos moi pouco tempo, así que a visita céntrase principalmente nalgúns dos restos arqueolóxicos máis importantes atopados na provincia. A continuación, damos un paseo ata a catedral, da que a nosa guía preferida nos dá unhas pinceladas antes de entrar para recorrela.
Beti durante unha explicación dos mosaicos do Museo, en Lugo.
Foto: Sandra L. Pereiro
Saímos da catedral e subimos á muralla. Unhas fotiños, unhas explicacións rápidas, un paseo breve e volta ao bus. Vaia decepción levan os franceses, que esperaban poder mercar algúns souvenirs na cidade... Prometémoslles que pola tarde trataríamos de facer as compras por Sarria e parecen animarse notablemente.

Logo da comida en familia, está prevista unha conferencia sobre o papel do Camiño de Santiago na construción de Europa porén, unha vez máis, os máis novos conseguimos escaquearnos e cambiamos a Casa da Cultura polas piscinas. Pero antes diso, o prometido é débeda: catro da tarde, sol queimando todo o que pode e un puñado de tolas paseando polas rúas de Sarria na pescuda de regalos: tarta de Santiago para Justine, unha camiseta para Virginie e unhas postais para Ludivine —¡foi imposible atopar unha postal de Santiago en toda a vila! ¿Como é posible?— .
Foto dende a muralla, en Lugo. Ao fondo, a catedral.
Foto: Sandra L. Pereiro
Coas compras pertinentes xa feitas, tirámonos de cabeza á piscina, mais o baño dura pouco: comeza a tronar de novo. As piscinas baléiranse rapidamente, pero nós decidimos quedarnos un ratiño máis, aproveitando que non chove. Non obstante, cando o reloxo marca as sete, xa estamos todos na casa: ¡hai que prepararse! ¡A cea empeza en dúas horas! ¡¡Que ganas!! Franceses e galegos póñense, un ano máis, as súas mellores galas: vestido e pendentes, chaqueta e gravata, rimel e gomina. Unha última mirada ao espello e… ¡perfecto! ¡Xa estamos listos para a festa!
Cando chego ao hotel, dinme que unha das nosas últimas sorpresas para os franceses está a piques de naufragar: tiñamos pensado proxectar as fotografías da irmandade dos últimos quince anos na parede mentres se ceaba, pero o encargado dinos que iso vai ser moi difícil. ¿Como pode ser? ¡Co traballo que nos dera xuntar e preparar todas esas fotografías —case 3.000—! 
Finalmente, o que ía ser moi difícil, resultou ser bastante sinxelo e grazas á amable colaboración dos membros do hotel, a proxección puido levarse a cabo sen ningún problema.
Entrañable imaxe: Elvira e Elise comentando as fotos
dos 15 anos de irmandade. Foto: Sandra L. Pereiro
E agora si: comeza a cea. Primeiro, embutido; despois, nabizas con queixo fundido servidas nunha galleta con forma de vieira —“¡Oh! Pero… ¿e onde está a vieira?”, pregunta algún un tanto decepcionado— ; a continuación, pescado; e para rematar, carne con patacas. ¡Mi madriña! ¡Que fartura! Despois, mentres nos están servindo o postre —unha rica tarta de merengue con mermelada de arándanos— , Louisse ponse en pé para dar un pequeno discurso co que rendir homenaxe aos dous matrimonios que formaron parte da irmandade dende o principio: ¡15 anos xa!
Rematado o postre, chega o peor da noite: ¡¡hora dos discursos!! Por parellas, primeiro falan García e Monique e despois tócalles a quenda a Sonsoles e a Jean Luc. E, para pechar, collen o micro os presidentes da irmandade en Guerlédan e en Sarria: Philippe e máis Elvira, que, sen dúbida algunha, son os que máis carga emotiva lle imprimen ao momento.
Philippe comeza bromeando: “el año pasado, los discursos duraron hora y media, este año, una hora. Para el año que viene… ¡media!”. Despois ponse un pouco máis serio ao facer un repaso polo pasado e o presente da irmandade e unha reflexión sobre cara onde debería ir nun futuro. Destaco da súa intervención a concepción que nos dá da irmandade, coa que coincido completamente: Philippe fálanos da irmandade como un medio para conseguir unha “Europa dos pobos”, unha irmandade que sirva para previr futuras guerras como as que se viviron nun pasado non tan afastado.
Para acabar, Elvira, sempre breve e concisa, empeza aludindo a unha fermosa cita de Vicente Risco, que precisamente empregou o ano pasado na cea de gala en Mûr, para animalos a vir a Sarria este ano:
Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo. Poderala andar en pouco tempo do Norte para o Sur, do Leste para o Oeste noutro tanto; poderala volver andar outra vez e máis; non a has dar andado. E de cada vez que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo, moito máis grande de cómo ti a ves.
Uns días antes, dixérame algo que considerei toda unha lección: “aínda non escribín o discurso; eu teño que vivir as cousas antes, sentilas, para poder escribir sobre elas”. Así que o discurso seguiu cun repaso sentido por algunhas das mellores vivencias destes días e, tras agradecer a tódolos que colaboraron para facer posible esta Irmandade 2013, conclúe despedíndonos ata o ano próximo.

A noite continúa e a festa, tamén. As luces apáganse para crear ambiente e entra en escena un ¿bruxo? que nos prepara unha queimada moi especial. Para seguir, sube ao escenario o mago Roberto Lolo, que nos sorprende e nos fai rir a parte iguais. Marea un pouco a Philippe, Begoña e Margot —“¿¿puedes meter tu mano en el bolsillo de mi pantalón??”—  entre outros, e consegue deixarnos a todos alucinados. Rematados os trucos de maxia, sube ao escenario o grupo Moitos Máis, que nos ameniza a noite con versións de grupos e cantantes como Bob Dylan e Metallica.
Cara as dúas da mañá, as luces apáganse, as mesas afástanse da pista de baile e o “Bará bará beré” comeza a saír dos altavoces. E os brincos e voltas desátanse entre os máis novos. Unha vez máis, síntese iso do que vos falaba fai uns días, o do “idioma universal” e a irmandade máis real. Estamos todos xuntos, bailando, facendo corros e rindo; pasándoo realmente ben. “Checherereche”, “Que la Detenga”, “Galicia (cada día máis linda)”, “Saturday Nights”, “Voyage, voyage”, “Bomba”,… os éxitos máis míticos de aquí e de alá soan sen descanso.
A festa segue para os máis novos ata ben entrada a
madrugada. Foto: Sandra L. Pereiro
Antes de que nos queiramos dar conta, só quedamos nós e algúns adultos sentados nas mesas do fondo mentres Elvira e Elisse miran a presentación de fotos, creando un marco moi entrañable. ¿Pero que fan todos sentados? ¡Iso si que non! ¡Todo mundo a bailar! Facendo unha conga, dirixímonos a por eles —“¡On y va, Philippe!”, o francés fai un xesto de asentimento mentres apura a bebida antes de unirse a nós; “¡¡Veña, Jorge!!” “Non, non, a min deixádeme que estou ben”— . Ao final, todos nos movemos ao ritmo da música saltando nunha conga, agás Jorge, que nos mira ríndose dende unha cadeira. Antes do que nos gustaría, o reloxo marca as catro da mañá e os camareiros tratan de botarnos disimuladamente. “¡A última, a última!”, pedimos. E para pechar a noite de troula, comeza a sonar “Follow de leader”. Philippe sorpréndenos a todos uníndose a nós no baile e, tralas derradeiras notas da canción, dámonos un breve aplauso e recollemos para marchar.
Último baile, ¡e para a cama! Foto: Sandra L. Pereiro
Xa non queda ninguén no aparcamento agás Lucía, Virginie, Justine e máis eu cando nos decatamos de que “¡Ei! ¡Non soou o Madison!” “Ah, non. Pois eu levo ensaiando toda a semana: ¡hai que bailalo!”. Coa canción soando dende o móbil, e iluminadas unicamente por un farol, empezamos a movernos ao ritmo do famoso baile. Unha das encargadas o hotel pasa por alí e, ao vernos, sorrise e deséxanos boas noites. A música remata e “¡agora si! ¡xa podo durmir tranquila!”.
Chegamos á casa pasadas as catro e media e… “Mañana a las 9, ¿verdad?” “Si”, mi madriña… Bonne… ¿nuit?

María Melle Goyanes

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire