samedi 6 septembre 2014

SÁBADO 16 DE AGOSTO: FLORES, FOTOS E FESTAS

O día comeza cunha mesa redonda encabezada por Elvira e Elisse na que se fala de canto custa a vida en Bretaña en comparación con Galicia.
Continuamos a mañá subindo ao bus rumbo á floreada Rochefort en Terre, e aparcamos o coche nun descampado no que paramos a comer. Hoxe toca picnic de novo. O ceo está despexado, pero vai viruxe, polo que nos abrigamos ben antes de baixar do bus: os máis preparados despregan as súas mesas, algúns tiran unha manta no chan e outros pedímoslle a Mourín que nos deixe a maleta do bus aberta para poder sentar nela. Para baixar a comida, un grupiño dos máis novos anímanse a botar un partido de fútbol e Carlos non tarda en unirse, “tú paras el balón”, adxudica posición rapidamente Thibeaut.

Comida en Rochefort en Terre. Fotos: Laura Rodríguez

Para a visita, Amandine preparara unha gincana sobre Rochefort que, por desgraza, non ten demasiado éxito: só temos unha hora para visitar a cidade, e a maioría prefiren aproveitar o tempo para tomar un café, mercar algún agasallo ou dar un paseo tranquilamente. Despois de todo, estamos nunha das cidades máis fermosas de Francia!
Montamos de novo no bus, con dirección a un gran festival de fotografía ao aire libre que celebran en La Gallicy. E que alegría me levo! Este ano, boa parte do mesmo está adicado ao sobresaínte fotógrafo de guerra do século XX Robert Capa, e alí podemos ver coñecidas fotografías súas como a Muerte de un Miliciano, El Día D ou un retrato de Picasso.

Rochefort en Terre. Foto: Alba Villaumbrales

Murallas de Rochefort en Terre. Foto: Luís Ulloa

Concello de Rochefort en Terre. Foto: Luís Ulloa
















A continuación estaba prevista unha visita aos xardíns botánicos de Yves Rocher, pero por falta de tempo temos que deixalo para outro ano. Volvemos á estrada, desta vez para regresar a Mûr. “Ai María, non sei como te apañas, pero cada vez que te vexo, ou estás comendo, ou estás durmindo”, dime Guille mentres me como unha magdalena, “éche casualidade… ¿queres un cachiño?”. No camiño de volta, Thibeaut pásanos a pelota coa que estivéramos xogando eses días, para que lla firmemos de recordo. Falamos un pouco de literatura, e decatámonos de que, para desgusto de Carlos, o noso amor é imposible: el despreza Harry Potter e a min abúrreme Percy Jackson. Terá que quedar a cousa nunha bonita amizade…
De regreso na vila, facemos unha paradiña no centro de vacacións do lago —no que, vaia sorpresa! Hai unha bufanda da sarriana!— no que nos recibe o seu director, Miguel, para darnos a benvida e invitarnos a uns pinchos. Despois cada quen cea coa súa familia de bretóns e pola noite volvémonos reunir todos en Saint Mayeux para o gran fest-noz que se vai celebrar alí. Collemos o noso vasiño de kir e damos unha volta pola festa mentres non comeza a actuar o grupo: volvémonos atopar con xente de outros anos, saudámonos, falamos un anaco… ata que comeza a música. Entón toca reunirse todos na pista de baile para brincar. O palco é moito máis grande que calquera que viramos ata o de agora, e así como de grande é o palco, así de grande é a pista de baile: facilmente varios centos de persoas se reúnen en corros e comezan a bailar ao ritmo da música —“un, dos, tres, pasito!; un, dos, tres, pasito!”—. Unha vez máis, rematamos a xornada bailando todos xuntos, ríndonos cando nos trabucamos, celebrando cando nos saen os pasos e movendo a cabeza de esquerda a dereita, seguindo o ritmo.

La Gallicy. Foto: Alba Villaumbrales

Aproveitemos cada intre, meus, porque a festa váisenos acabar de seguido… 

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire