mardi 30 juillet 2013

*BONUS* XOVES DEZAOITO DE XULLO: a Europa dos pobos

O día que marcharon, despois de comer, deiteime no sofá e pechei os ollos. O seguinte que fixen foi abrir os ollos, e de socato… ¡xa é xoves! ¡Vaites! ¡Que falta nos facía a todos descansar!
Collo o ordenador e póñome a recompilar as primeiras ideas para as crónicas, á vez que Sandra me lanza vía Talk ideas para reorganizar o blog da asociación. Escribo as crónicas dos dous primeiros días nun momento —as emocións aínda están moi a flor de pel, e as palabras saen practicamente soas— pero chega un momento no que a inspiración di “ata aquí chegamos, maja”. Abandono entón —por un período máis longo do que contaba— a narración da irmandade 2013 e entro no Facebook. Xa están subidas as primeiras fotos, e comezo a agregar a algúns amigos do Jumelage que aínda non tiña na rede social.
Entón fálame Justine polo chat, nun español tan bo que non podo evitar pensar “¡Será posible! ¡Uns tanto e outros tan pouco!”. Cóntame que a viaxe en barco foi moi tranquila, e que ninguén se mareou. Dime que a seus pais lles gustaron moito os regalos que lles mandou a miña familia e di que está desexando que vaiamos a Bretaña. “¿Y ya estás preparada para volver al trabajo?”, pregunto de broma, “NOOOOOOOOOO!!!!”, contesta ao momento. ¡Acabóuselle o bo!
Máis tarde, tomando un xeado no Malecón con Lucía, cóntolle do que me estivera falando Justine. “Eu tamén falei con Virginie”, di Lucía, “¿E sabes que? Fai un rato pareceume ver pasar a Margot e a Mathilde en bici”, di toda convencida. “¿Pero non marcharan para A Coruña?”. “Si, pero ao mell… ¡Mira aí vai Thibaut! ¡¡¡Thibaaaaaaut!!!”, berra.
E, efectivamente, Thibaut, Margot, Mathilde, Philippe e Elise, os cinco en bicicleta, páranse ao noso lado, sorrindo. “Oh, ¿pero vós non marcharades xa?”, preguntamos sorprendidas. “Nos marchamos mañana para Coruña, y después vamos a Santiago, a las fiestas”, explica Philippe —nese momento, ¿quen se podía imaxinar que as festas de Santiago se cancelarían por semellante traxedia?—.



Cando rematei coas crónicas, sentín que aínda me quedaban cousas por dicir, que aínda non tiña rematado o traballo. Foi por iso que abrín una nova folla de Word e seguín escribindo. O que liches ata aquí é unha especie de “epílogo” da Irmandade 2013, unha simple crónica dun par de sucesos que tiveron lugar unha vez finalizou a viaxe deste ano, e que me pareceron interesantes de narrar.

O que tés a continuación, non é nada diso. Trátase dunha opinión complemente persoal e parcial do que significou para min a semana de convivencia entre as dúas culturas. Falando dende o corazón, poño en palabras unhas cantas ideas e sentimentos que agardo sexan compartidas, senón por todos, si pola maioría de vós:

A irmandade enriquécenos dun xeito que que só alguén que o
viva dende dentro podería chegar a entender.
Logo de varios días dende a súa partida, a nostalxia polos momentos con eles é aínda máis forte, pero coas novas tecnoloxías, é case imposible sentir que se foron. En menos dunha semana, eses corenta franchutes entraron na nosa vila, nas nosas casas e nas nosas vidas. Foron días de moito movemento, aproveitamos os anacos de bus para durmir o que non se podía durmir polas noites, e coñecemos algúns dos mellores lugares da nosa xeografía entre sesta e sesta.
Pero iso non foi o máis destacable da irmandade, nin de lonxe. O mellor foi a xente. Estar con eles, as gargalladas cando nós confundiamos o passé composé co imparfait, ou eles soltaban un “Oh… ¡putain!” ao non conseguir acabar a frase en castelán. Coñecelos, intercambiar opinións, falar dos nosos gustos —¿a quen se lle ía pasar pola cabeza que tiñan a súa propia versión do “Spider-cerdo”?—, comparar ámbalas dúas sociedades, pasear e bailar con eles como faríamos con calquera outro amigo. Iso é o que eu destaco desta Irmandade 2013.
“Coma con calquera outro amigo” porque, definitivamente, xa os consideramos como a uns amigos máis.
Non son capaz de decidir cales son os ingredientes que fan que a irmandade teña éxito, que é o que consegue unir a estes dous pobos tan distintos —e tan similares ao mesmo tempo—; pero oxalá que se sigan conservando outros quince anos máis. E é que esta irmandade contribúe a ampliar a nosa compresión de culturas e ideoloxías diferentes, e enriquécenos dun xeito que só alguén que o viva dende dentro podería chegar a entender.

É por iso que é tan importante seguir tirando dela, seguir contando co apoio dos gobernos e, máis aínda, con persoas que a organicen, a enchan de vida e animen á xente a embarcarse nestas viaxes. Porque a supervivencia das irmandades é básica para seguírmonos mellorando e contribuíndo a esa fermosa idea da Europa dos pobos.

María Melle Goyanes

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire