lundi 13 août 2012

SÁBADO CATRO DE AGOSTO: DE MONTES E FESTAS



¡Primeira mañá en Mûr! Toca almorzo coas familias francesas, cos que comezamos a gañar algo de confianza. Logo do almorzo, lévannos aos montes de Arrée, onde non podemos evitar rirnos ao ver a súa escasa altura (¿chegarían ós 100 metros de altitude?). Nada máis chegar, o sol que brillara durante o camiño decide agocharse tralas nubes para deixar paso a un gran ballón que nos pilla completamente desprevidos. ¡Menos mal que non a chuvia non é unha novidade para os galegos!
Dispersas por entre os sendeiros dos montes atópanse repartidas unha serie de esculturas que, segundo nos explican, representan a cada unha das rexións da zona (Saint Michel, Saint Malo, …).
Collemos os autobuses para ir comer, franceses no autobús-dos-franceses e galegos no autobús-dos-galegos, pero Thibaut e Vincent din que prefiren virse cos galegos, porque “en el autobús francés nos aburrimos”, din. E pasan a viaxe falando con nós, rindo e facendo bromas.
Debido á chuvia, o pic-nic organizado para a comida tense que trasladar a un pavillón, onde entre todos colocamos rapidamente unhas mesas e unas sillas. No grupo de galegos non podemos deixar de impresionarnos pola ausencia de ruído. E non é que nos franceses non falen, se non que falan tan baixiño que case non se escoitan. Durante a comida, franceses e galegos falan e comparten anécdotas “entiendes si hablo en francés?” pregunta un, “si, pero si hablas más despacio y algo más alto”, contestamos nós; “dee acueerrdoo, entoooncess habblaarééé muuy deeespaacioo”, ri.
“Jambon, jambon!”, di Carlos paseándose por entre as mesas repartindo o seu xamón de porco celta. Vese que ten éxito, pois o pequeño Thibaut non deixa de correr tras del, na pescuda de máis.
Collemos novamente os autobuses desta vez para levarnos a unha zona elevada onde vai moitísimo vento e está situada unha capela onde, din eles, se está levando a cabo un ritual para expulsar as malas vibracións do corpo de dous homes. No interior do edificio un grupo de xente fai sonar tambores e bombos mentres se moven lentamente ao redor de dúas persoas que están tumbadas no chan. No exterior, chove moito e o vento sopra moi forte, dándolle á estampa unha ambiente de tebras e escuridade moi chamativo.
Pola tarde, toca asistir a dúas conferencia: unha sobre o desmantelamento dunha central nuclear e outro sobre os parques naturais, na que os máis novos non poden evitar que os párpados lles pesen e ata unha mosca lles pareza interesante. Fartos da charla, Thibaut e Vincent deciden agocharse detrás das cadeiras e póñense a xogar ás cartas: ¡que envidia nos dan ao resto!
De volta ás casas francesas, toca arranxarse para ir de festa: esta noite toca a Fez-Noz, a “festa de noite”, un festival tradicional da zona onde se reúnen unha serie de bandas de música celta e onde podemos probar algúns dos platos típicos como as crêpes e as galettes. Como representantes de Sarria levamos a Raquel e a Laura, integrantes do grupo Cantareiras de Irimia, que cantan algunha das cancións tradicionais galegas como “A Saia da Carolina”.
A noite avanza e a xente vaise animando: organízanse danzas tradicionais por parellas e en corros aos que se suma cada vez máis, e máis xente. E, como non podía ser doutro xeito, tamén os galegos nos apuntamos, dando pasos indecisos ao principio ata conseguir collerlle o ritmo ao baile case tan ben como un bretón.

María Melle Goyanes

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire