RIIIIIIIIIIIIIIIIING, RIIIIIIIIIIIIING,
RIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIING!!!!!
Tras un momento
de confusión… “Lucía… iso é un teléfono?”,
pregunto adurmiñada. “Sí, cólleo dunha vez!”, contesta enfadada.
Pero de quen foi
a idea de erguerse ás oito da mañá? De quen?! Ah, si, da nosa benquerida presi…
Almorzamos en silencio, mortos de sono: o de quedarse onte ata as tantas
falando xa non nos parece tan boa idea. Metemos as maletas no autobús e entón
decatámonos de que falta xente “oh, pero e onde van Jorge e Elvira?”,
preguntan. “Funos espertar eu”, di Alba, “Nin oíron o teléfono do hotel, nin
fixeron caso do móbil. Por pouco e non temos que tirar a porta abaixo para que se
levantasen!”, explica. Vaia dous!
Carlos recibe o seu agasallo. Foto: Jorge López Rguez |
Cara media mañá
facemos unha parada preto de Santander para tomar un café e espertar un pouco.
Mentres uns collemos algo de comer, outros dan un paseo pola exposición de
tractores antigos que hai a uns poucos metros e, de volta no bus, tócalle a
quenda a un filme un pouco máis xuvenil que os de onte: “Hugo”.
Xa dan as dúas e
media cando chegamos a Santarúa, en Candás, o restaurante rexentado por Richard no que xa coméramos hai
dous anos. Entre a fame que levabamos e o rico que está todo, a comida sábenos
a gloria. E, para poñerlle un broche de ouro á semana, dende a directiva
deciden ter un detalle cunha das persoas que lle dá, sen dúbida algunha, máis
vida á Irmandade —ademais de ser o noso provedor oficial de produtos de porco
celta!—: o noso moi querido Carlos. Logo de entregarlle o agasallo, seguimos a
viaxe. Xa estamos cerca da casiña, e as ganas de deitarnos outra vez nas nosas
propias camas son cada vez maiores!
Aplaudimos todos
ao entrar en Sarria, cara ás oito da tarde. A familia e os amigos recíbennos
con sorrisos alegres aos que nós respondemos con suspiros cansos e algo
tristeiros. Por fin na casa! Pero é que se nos pasou tan rápido á semana…
“Que ninguén
marche sen facer a foto de familia!!”, advirte Elvira. Así que nos xuntamos todos
por derradeira vez nas escaleiras do Alfonso IX para esa última foto: sen
peitear, coa roupa engurrada e rebentados da viaxe. Pero sorrindo contentos —moi
contentos— pola semana vivida e desexando que chegue o verán próximo, para
podérmonos reencontrar de novo cos nosos moi queridos irmáns bretóns.
Irmáns sarriaos da irmandade Sarria-Guerlédan 2014. Foto: Jorge López Rguez |
María Melle Goyanes, setembro 2014
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire