O sol resístese a
saír a última mañá en Mûr. Tras un almorzo rapidiño, dirixímonos ao aparcadoiro
para marchar. Facémonos a derradeira foto britanogalega
da semana e comezan as despedidas. “A que me vas a echar de menos, Thibeaut?”,
dígolle ao trasto número un de Mûr. “No, no, nada”, ri, para despois achegarse
a darme unha aperta. “Pues yo a ti si”, contesto botándolle a lingua.
Veña, vai, non
nos poñamos melancólicos, que un ano pasa rapidísimo: está comprobado. Abur,
adeus, adiós, hasta el año que viene, à bientôt. Deica logo, irmáns! “Nos vemos
el año que viene!”, prometémoslle a Phillipe. “Mais évidemment!!”, di erguendo
os brazos cun sorriso.
Fotiño de familia. Foto: Jorge López Rguez |
Subimos ao bus e
estamos xa saíndo de Mûr cando vemos pasar ao alcalde da vila francesa no coche
a toda velocidade. “Seguro que vén a buscarnos”, din os de adiante de broma.
Pois non estaban moi equivocados, porque a uns poucos metros vémolo baixando do
coche, e saúdanos… con algo na man. O bo do home viñera buscarnos porque
García se esquecera o cadro que lle regalara no seu coche!
Co cadro xa no
bus, seguimos o camiño e, para amenizar a viaxe, toca peli. Agora é a quenda a
Lindsay Lohan con “Devuélveme Mi Suerte”. Xusto acaba o filme cando chegamos a
La Rochelle para comer no self-service dunha área de servizo. Non tardamos
moito en volvernos montar no bus e, para acompañar á sesta de rigor, poñemos
outra película. Nesta ocasión, unha galega: Sempre Xonxa.
Moitos quedamos
durmidos pouco despois de apareceren as primeiras imaxes na televisión, e non
espertamos ata varias horas despois, para decatarnos de que estamos no medio
dun atasco kilométrico que dura un bo anaco. Dende a parte de atrás, poñémonos
a mirar polo cristal traseiro, e rematamos por xogar cos rapaces do coche de
atrás. “Pedra, papel, tixeiras… xa! Ja! Gañamos”, rímonos. Está claro que o que
se aburre nun atasco, é porque quere… Mentres, os de diante volven pedir
película e, para desgusto desta cronista, a escollida non é outra que “La
Ciudad No Es Para Mí”, de Paco Martínez Soria. “Ai, Mourín, vouche queimar eses
DVD’s!”, advírtolle mentres ri.
Non collemos algo
de velocidade ata deixar atrás Burdeos e xa case son as dez cando chegamos por
fin a Irún, onde durmimos esta noite. “Internet!! Por fin temos internet no
móbil!!”, celebran algúns despois de cinco días desenchufados do mundo dixital.
Logo de deixar as cousas na habitación, volvémonos reunir todos na cafetería do
hotel: uns collen uns pinchos de tortilla ou un bocata, mentres que outros
agardan pacientemente a que Carlos remate de cortar o xamón, ou a que lles
chegue o anaco do queixo que se está repartido.
É unha desas
noites típicas xa de finais de agosto, polo que collemos unhas chaquetas e
moitos animámonos a saír un rato á terraza do hotel antes de nos ir deitar. Xa
cara a unha da madrugada, algúns deciden marchar na procura dalgún bar no que
tomar unas copas, mentres que outros, vendo que comeza a chuviñar, optan por
marchar para a cama, “que xa son horas”.
Esta última noite
todos xuntos é moi divertida, non creo que haxa ninguén que o poña en dúbida: mentres
un bo grupiño xogamos as cartas, outros tantos apuran unha cervexa a uns metros;
todos nós rindo, rememorando os mellores momentos dos últimos días. Que mágoa
marchar... Éche ben certo que o bo dura pouco!
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire