mercredi 5 septembre 2012

MÉRCORES OITO DE AGOSTO: O DERRADEIRO DÍA CON VÓS



A última mañá en Mûr cadaquén aprovéitaa como quere. Algúns pasan a mañá no lago, aproveitando o sol que parece querer aparecer agora que nos toca marchar e xogando as últimas partidas de cartas; outros dan un paseo pola vila, axudan a preparar a comida ou dormen ata tarde.
A última comida en familia é animada, rememóranse os mellores momentos da semana e fálase do que se fará o ano seguinte. Non hai ambiente de “au revoir”, se non de “à bientôt”.
Logo do xantar, cargamos as maletas no coche e dirixímonos ó aparcadoiro, lugar de saída de tódolos días.
Empeza o peor de toda a viaxe: as últimas fotos, as últimas apertas e bicos, as últimas frases chapurreadas en francés, cheíñas de “merci” e de promesas de reencontro para o ano seguinte.
Jorge, temeroso de que perdamos o barco, empeza a apurarnos para subir ao autobús e algúns temos que facer grandes esforzos para non deixar escapar as bágoas.
Comézanse a oír os “eu non quero marchar, Elvira”, “¿E se nos quedamos uns días máis?”. Elvira sorrí, e nega ca cabeza. É hora de volver a casa.
Miramos pola ventá do bus e saudamos por última vez aos bretóns, que din “adeus” ca man dende o outro lado, sorrindo emocionados.
O autobús inicia a marcha e toca o claxon a modo de despedida. “À bientôt, mes amis”.
Durante boa parte da viaxe, vamos quietos e calados, intentando autoconvencernos de que, efectivamente, non é un “adeus”.
A espera en Saint Nazaire é longa, pero ao poder baixar do bus e pasear, faise moito máis levadeira que a viaxe de ida. Embarcamos cara ás 9 da noite e, logo de deixar as cousas nos camarotes, buscamos a cuberta para botar unha última ollada ás terras francesas.
Logo da cea, “que ten que ter abundante para non vos mareedes” dixera Jean-Paul, cadaquén elixe: irse directamente a durmir, xogar unha partidiña de cartas no bar, alugar unhas películas… O resultado final é o mesmo para todos: durmimos profundamente mentres o mar nos arrola logo dun día moi longo.

María Melle Goyanes

1 commentaire: