jeudi 16 août 2012

LUNS SEIS DE AGOSTO: BEAUCOUP DES PERSONNES




Seis da mañá dun día común na Bretaña Francesa. O sol altérnase coas nubes e os máis precavidos meten un impermeable no bolso por-sea-caso. Antes as abundantes protestas polo madrugón, Philippe aclara que foi necesario para non pillar unha gran cola na entrada a Mont Saint Michel, o segundo lugar máis visitado de toda Francia. “Il y a beacoup de chinois”, din Julien e Marc, acompañando a afirmación cun gracioso xesto de achinamento dos ollos.
Chegamos á península-illa logo de dúas horas e xa para entón temos que agardar un bo anaco para entrar na fortaleza e para acceder á abadía, que vén precedida dunhas grandes escaleiras que deixan sen alento a máis de un.
Realizamos unha visita guiada de algo máis de unha hora polos lugares máis importantes da edificación (sala das bombillas, sala capitular, comedor,…) e despois podemos adicar o tempo restante para mercar algún regalo para a familia ou facer fotos do lugar. Tal e como dixera Philippe, o lugar está completamente abarrotado de xente e en máis dunha ocasión escoitamos algún “ei, mira se eses tamén son galegos!” cara nós.
A comida é novamente un pic-nic, esta vez si ao aire libre, xunto ao castelo de Cherroix e cunhas vistas privilexiadas do Mont Saint Michel. Durante a comida, repítese a simpática estampa de Carlos repartindo xamón e Thibaut correndo tras del. Para facer tempo ata a hora de partida, un grupo de rapazas proponse ensinarlle a algúns dos rapaces franceses un xogo ca baralla española. ¿O resultado?: gargalladas e maldicións a partes iguais.




Pola tarde poñemos rumbo á cidade costeira de Saint Malo, novamente abarrotadísima de persoas, onde damos unha volta polas murallas que a rodean e algúns probamos o que, segundo afirman os amigos franceses, son os xeados máis ricos de toda Francia. Para rematar a tarde, Vincent decídese a darse un baño, facendo caso omiso ó mal tempo, e o resto quedámonos  na zona alta da muralla, vendo como se comeza a agochar o sol no mar.
De volta a Mûr, cada un volve coa súa familia a cear.
O día de hoxe serviu para afianzar os lazos entre as diferentes culturas, e proba disto é un xesto dalgúns dos rapaces franceses, que se reúnen cun grupo galego para cear e seguir un par de horas máis de troula.

María Melle Goyanes

2 commentaires: