lundi 27 août 2012

MARTES SETE DE AGOSTO: COMEZA A SENTIRSE A FIN DA VIAXE


A mañá é tranquiliña: pódese elixir entre asistir a unha conferencia sobre envellecemento activo, pasar a mañá no lago ou durmir (desta volta, ninguén se decanta por esta opción, conscientes de que as nosas últimas horas en Mûr están chegando á súa fin).
Logo da comida en familia, volve haber varias opcións: visita a unha granxa con tecnoloxía de biogás ou compras en Pontivy, lugar de orixe de Napoleón III, indica Clément.
Ambas opcións teñen éxito, inclinándose a maioría da xuventude polas compras e, para rematar a tarde, lévannos a un macromercado de galletas no que ninguén se pode resistir a levar, cando menos, unha ducia delas.
De volta na casa, facemos un pouco de tempo ata a hora da cea de distintas formas: tomando algo, charlando ca familia, vendo a televisión (¡os xogos olímpicos están en pleno apoxeo!). No meu caso particular, fago quendas con Lucía para xogar á xbox con Clément (¡linguaxe universal!) e si, debemos recoñecer que a vitoria é para o francés.
¡E chega a hora da cea! Galegos e bretóns póñense as súas mellores galas para asistir a esta cena de despedida que non o é tanto. Despois de todo, ¡vémonos o ano que vén!
Carlos preséntase na cena como todo un patriota bretón: un bonito sombreiro do que colga a bandeira bretoa (“como todo un <coq>!”, bromean as rapazas ás que el chamaba cariñosamente “les poulets”).
Logo duns ricos aperitivos, pasamos a sentarnos “as mesas de adiante para os novos, que son os que van bailar”, din. A cea é abundante e boa e, antes dos postres, Jorge atrévese facendo unha queimada que os bretóns observan atentamente. Para acompañar os postres, chegan os [interminables] discursos. Philippe excúsase dicindo que é ”un tema burocrático que hai que facer”. E logo de hora e media na que se alternan seis oradores distintos (o alcalde de Mûr, o representante do concello de Sarria e a do concello de Paradela, os presidentes da irmandade Philippe e Elvira, e a vicepresidenta da asociación en Mûr) chega por fin a hora da festa, que iniciamos os galegos cantando unhas liñas escritas por Carmen e Sandra ao ritmo do “Sur le Pont d’Avignon”.
Empezan a festa os maiores: congas, corros e bailes agarrados empezan dominando pero, logo dun rato, na pista de bailen quedamos os máis novos, berrando e saltando ao ritmo da música os éxitos franceses e españois ata ben entrada a madrugada.
A festa dáse por concluída cara as catro e media da mañá e é entón cando temos que comezar as tristes despedidas: Vincent non poderá estar na vila ao día seguinte, así que é o primeiro en recibir as nosas apertas, os “merci” e os “à bientôt” antes de marchar.
O sabor amargo que nos deixa a todos é palpable. Comeza a esgotarse o noso soño francés.
             
María Melle Goyanes

1 commentaire: